Friday 26 de April de 2024

Máis de 30 establecementos prepáranse para ofrecer a partir de mañá lacón con grelos nas Xornadas Lacónicas


As VIII Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos empezan mañá e acaban o día 26 de febreiro

As VIII Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos, Lacónicas, empezarán mañá e os establecementos de hostalería participantes nesta edición prepáranse para atender ao público que nesta edición se achegue á cidade para degustar o prato estrela desta época. Chega febreiro, tempo de Entroido, e a cidade celebra, como cada ano, estas xornadas gastronómicas que poñen en valor o lacón con grelos. O Goberno de Inés Rey, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, promove a gastronomía como unha das claves da Coruña como destino turístico.

Son en total 32 establecementos os que participan nesta oitava edición de Lacónicas, que empeza mañá e terminará o día 26 de febreiro. O bo produto e o bo facer dos cociñeiros que participan en Lacónicas son os dous piares dunha oferta gastronómica de calidade, como poderá observarse nos pratos de cada un dos restaurantes e locais participantes, co seu toque persoal.

En Lacónicas, que conta coa colaboración de Hostelería por el Clima, Asociación de Celíacos de Galicia e Adega Ponte da Boga, os establecementos de hostalería elaboran os seus propios menús “con produtos galegos e quilómetro cero”.

Cada menú componse de primeiro prato (sopa ou similar), prato principal (a laconada), sobremesa tradicional (filloas e/ou orellas), bebida e café. Os prezos oscilan entre os 22 e os 35 euros. Nesta edición de Lacónicas participan: A Fuego Lento, Ajetreo Taberna, Áncora, Asador Coruña, Attica21 Coruña, Bar Amsterdam Orzán, Bar Ciudad, Bodega Órdenes, Central Park, Chester Foodlove, Dos Raíces, El Local 20, El Rincón del Reino, Galiur, Hünico, La.Con.Fusión, Lois, Mahara Taberna Rock, Marea Baja, Mesón de Herves, Mesón Moncho, Mesón O’Bo, Parrillada Lembranzas, Portela, Restaurante Boavista, Restaurante Eira-Hotel Avenida, Restaurante La Marola-Hotel Zenit, Restaurante Morriña, Restaurante Noray, Taberna O Freixo, Vinoteca Cosecha 81 e Vermutería Chitín. Hai opcións para persoas celíacas e tamén hai posibilidade de pedir os menús para levar nos propios establecementos ou de entrega a domicilio. Os locais participantes tamén fan ofertas para grupos.
Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.